
O sendeiro da inicio no Pazo de Mende, na parroquia de Barbeito, coa súa capela adicada a San Antón e a carballeira atravesada polo centro por un regato que desemboca no río Gándaras.
Seguidamente, por un camiño de carro chegamos o muíño de Carapetelo, primeiro muíño do río Gándaras, de paredes de cachotaría de unha soa moa con rodicio de madeira.
Seguindo río abaixo atopamos o muíño de Albite, da mesma estrutura co anterior e situado nunha zona de pastos con gran perspectiva visual e diversidade de cores formadas polas distintas especies de vexetación autóctona. Uns metros río abaixo pódese ver o muíño denominado “de Erundina”, cunha casa vivenda e presa de hormigón.
Continuando o sendeiro pola parte sur do rueiro de Albite veremos o muíño de Albite e o muíño de “Xesús”, tamén muíño vivenda, con aserradeiro e fábrica de zocas.Río abaixo, en dirección sur, atoparemos outro pequeño muíño nunha chaira moi poboada de vegetación, denominado “de Pazos”. Seguidamente cruzamos a pista que leva o Fachal, e por medio da fraga de Pazos entramos nunha zona de rápidos do río onde se emplazan tres muíños coñecidos por : “O de Regueiro”, “O de Fachal”, e “O de Elvira”, éste último de maiores dimensións cos anteriores e cun encoro de dúas moas, unha de albeiro para moe-lo trigo, e outro de millo sen creba.
Río abaixo, onde as augas discorren por unha zona rocosa chamada “Quenllas”, pola parte norte dos rueiros de Faxilde e Opa, veremos os muíños de “Vasques”, de cachotaría con casa vivenda, aserradeiro e ebanistería, o muíño de Faxilde e o de Batán, antes das casas do mesmo nome.
Como percorrido alternativo nesta zona das Quenllas podemos desviarnos do río por unha corredoira profunda para dirixirnos ás Fontelas, onde se atopa un parque cinexético, modélico neste tipo de explotacións, ben integrado na paisaxe, de gran amplitude visual, dende onde podemos albiscar o Mosteiro bieito de Santa María de Mezonzo.
Polo camiño de Aguión voltamos ás ribeiras do río Gándaras para visitar un batán, elemento único na comarca onde se mazaran as pezas de liño para suavizalas antes de ser usadas. Uns metros máis abaixo atopamos outro muíño, coñecido como “Cernadas”, case na desembocadura do río Tambre, onde mudamos a dirección para subir pola marxe dereita do río ata atoparnos cunha central hidroeléctrica, explotada por Unión Fenosa.
A poucos metros pódese ver como se funden as augas do río Cabalar coas do Tambre, nunha zona brava, cunha fervedoira de varios metros de altitude (moi peculiar nesta zona é o ruído das augas e o eco producido polas mesmas sobre as penas dos meandros do río).
Seguindo Cabalar arriba veremos o muíño “Do Sapo”, cunha casa vivenda, aserradoiro e fábrica de zocas. Máis adiante atravesamos a estrada C-540 para chegar ós muíño de Caldeireiro”, “Xurxo”, e “Parceiros”.
Estes muíños emprázanse nunha zona coñecida co nome de Roseo, onde abundan as carballeiras, e tense construído unha praia fluvial e un área recreativa. Seguindo río arriba atopamos a desembocadura do río dos Muíños sobre o Cabalar e as brañas da Laxe, zona destacada pola súa fauna, para rematar no núcleo de Laxe, onde destaca a Ermida de Nosa Señora ó pé dunha fonte sulfurosa co seu valor característico, a Igrexa de Laxe, co seu retablo do s.XVI.
Durante todo o percorrido pódese apreciar unha vexetación autóctona a base de carballos, castiñeiros, aveleiras, bidueiras, así mesmo non é estrano ver raposos, xinetas, londras a algún gato montés.