|
O Concello
O Municipio
Qué visitar
Perfil do Contratante
Outros
Servizos ó cidadán
|
Novas
17 de maio. Día das Letras Galegas
O Concello de Vilasantar apoia as actividades e manifesto "Polo dereito a vivirmos en galego"
A alcaldesa do Concello de Vilasantar apoia a campaña da Mesa pola Normalización Lingüística "Polo dereito a vivirmos en galego" que terá como acto central a manifestación que o 18 de maio sairá da Alameda de Compostela ás 12:00 Fai tamén un chamamento á participación veciñal nos actos culturais previstos no concello e recorda o compromiso do equipo de goberno coa defensa do idioma e dos dereitos das persoas que lle dan vida. TEXTO DO MANIFESTO APOIADO POLO PLENO DO CONCELLO DE VILASANTAR NA SESIÓN DO 14 DE MAIO DE 2008 Manifesto: POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos: 1.Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade. 2.Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas. 3.Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos. |
