Boletín Nº 125. Lunes, 3 de junio de 2002

- III. ADMINISTRACIÓN LOCAL - III.2 MUNICIPAL - VILASANTAR


ANUNCIO  Pág. 4479  Reg. 5190-PD.  

Anterior
Siguiente

Aprobación modificación PXOM

O Pleno do Concello, na sesión extraordinaria realizada o día 16 de abril de 2002, acordou por maioría absoluta dos seus membros a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal.

En cumprimento do disposto no artigo 48.2.º da Lei 1/1997, de Galicia, transcríbese de seguido o documento que contén a normativa e as ordenanzas:

4.-NORMATIVA URBANÍSTICA

4.1.-Obxectivos previstos

O obxectivo principal é estructurar e regular as áreas para actividades de mediana e grande industria, de xeito que sen interferir no tecido urbano residencial, permita unha interrelación coherente entre ámbolos dous ámbitos ó tempo que dispoñer a adecuada conexión co sistema xeral viario, cara ás relacións e proxeccións na rede comercial e industrial de maior alcance, dando así mesmo o marco adecuado para o desenvolvemento de actividades industriais en marcha con proxectos de producción de enerxía de grande interese no futuro socioeconómico do término municipal.

4.2.-Cualificación dos terreos delimitados

A superficie afectada pola presente modificación e que figura como solo non urbanizable no vixente PX pasa a considerarse solo urbanizable para uso industrial a desenvolverse mediante o correspondente Plan parcial como área delimitada para actividades específicas de elaboración, manipulación, tratamento, envasado e almacenaxe de productos e as inmediatamente vinculadas con estas, como transporte, xestión, administración, etc., con exclusión dos usos que polas súas condicións de molestia, nocividade, insalubridade ou perigosidade deben afastarse do medio urbano.

No ámbito do solo cualificado como urbanizable industrial non poderán desenvolverse outros usos máis que os directamente vinculados ás industrias e ó seu servicio, quedando excluído o uso residencial, que ten perfecta cabida noutras categorías de solo recollidas no PX.

4.3.-Uso global e intensidades

4.3.1. Uso principal

Establécese o industrial e artesanal como o principal en todo a ámbito delimitado na presente modificación, 1.ª, 2.ª, 3.ª, 4.ª e 5.ª categoría.

É o correspondente ós establecementos destinados á obtención ou transformación de materias primas ou derivadas destas, incluíndo a almacenaxe, envasado, transporte e distribución dos ditos productos. (Artigo 110 do PX.)

Inclúense neste uso os almacéns destinados a garda, conservación e distribución de materias primas ou manufacturadas que subministren a maioristas, instaladores, fabricantes e distribuidores, exceptuando os almacéns de venda directa ó público ou os anexos a comercial e oficinas.

Dentro do uso industrial establécense as seguintes categorías:

1.ª.-Artesana.

2.ª.-Pequena ou taller.

3.ª.-Lixeira.

4.ª.-Pesada.

5.ª.-Almacenaxe.

4.3.2. Intensidade global

A edificabilidade máxima sobre da totalidade da área delimitada establécese en 0,7 m2/m2.

4.4.-Usos compatibles

Establécense como usos compatibles co principal os seguintes:

a) Uso de vivenda unifamiliar exclusivamente derivada da función de vixilancia, mantemento, emprego ou cargo do titular, nas condicións que se establezan nas ordenanzas particulares do Plan parcial.

b) Uso equipamento residencial.

c) Uso hostaleiro nas condicións que se establezan nas ordenanzas particulares do Plan parcial.

d) Garaxe-aparcamento e servicios do automóbil, nas condicións que se establezan nas ordenanzas particulares do Plan parcial en tódalas categorías.

e) Oficinas, despachos, xestión e administración vinculados ás actividades do sector, nas condicións que se establezan nas ordenanzas particulares do Plan parcial, 1.ª categoría.

f) Comercial de exposición e venda de productos do sector, integrado ou non na propia industria, nas condicións que se establezan nas ordenanzas particulares do Plan parcial, 1.ª categoría.

g) Usos complementarios socio-cultural, docente e asistencial ó servicio do persoal do sector, ou público xeral nas condicións que se establezan nas ordenanzas particulares do Plan parcial, clases A e B.

h) Uso deportivo en tódalas categorías.

4.5.-Clasificación de usos compatibles

4.5.1.-Uso de vivenda

Definición: artigo 86 do Plan xeral.

Categorías: artigo 97 do Plan xeral. Asemade da categoría permitida con carácter xeral engádese á de vivenda vinculada ó uso principal industrial ou compatible previsto.

4.5.2.-Uso equipamento residencial

Artigo 93 do Plan xeral.

4.5.3.-Uso hostaleiro

1.ª categoría

Restaurantes, cafés, bares e demais establecementos equiparables con aforo non superior a 100 persoas, calculado de acordo á NBE-CPI-96, formando parte da edificación vencellada ó uso principal.

2.ª categoría

Restaurantes, cafés, bares e demais establecementos equiparables con aforo non superior a 100 persoas, nas mesmas condicións de vencellamento ó uso principal.

3.ª categoría

Establecementos de hostalería en edificación exclusividade calquera número de plantas, con ou sen vivenda vinculada en razón de propiedade, emprego ou cargo, sen limitación de aforo, nas condicións de edificabilidade segundo os parámetros especificados no Plan parcial.

4.5.4.-Uso garaxe, aparcamento e servicios do automóbil

Definición: artigo 96 do Plan xeral.

Clasificación: artigo 97 do Plan xeral.

Condicións: artigo 98 do Plan xeral.

Serán así mesmo de aplicación os artigos 99 a 106 do Plan xeral.

4.5.5.-Uso oficinas

Definición: artigo 124 do Plan xeral.

Clasificación: considéranse as seguintes categorías:

Artigo 125 do Plan xeral.

4.ª oficinas vinculadas ó uso principal industrial formando parte integrante deste ou en edificio independente instalado no mesmo terreo.

Condicións: artigo 126 do Plan xeral.

4.5.6.-Uso comercial

Definición: artigo 127 do Plan xeral.

Clasificación: artigo 128 do Plan xeral.

Condicións xerais: artigo 129 do Plan xeral.

Condicións específicas: artigo 130 do Plan xeral.

4.5.7.-Uso sociocultural, docente e asistencial

Definición: artigo 134 do Plan xeral.

Clasificación: artigo 135 do Plan xeral.

D) Ídem os apartados a, b, c do artigo 135 vencellados ó uso principal industrial formando parte do edificio independente dentro do mesmo terreo.

Categorías: 1.ª e 2.ª segundo o artigo 136.

3.º ) Formando parte do edificio principal industrial.

Condicións: artigo 137 do Plan xeral.

4.5.8.-Uso deportivo

Definición: artigo 141 do Plan xeral.

Categorías: artigo 142 do Plan xeral.

Condicións: artigo 143 do Plan xeral.

4.6.-Uso dos espacios libres

Comprende os usos posibles nos espacios privados ou públicos libres de edificación das parcelas edificables.

Os devanditos espacios corresponden a algún dos seguintes conceptos:

a) Espacios de uso e goce colectivo para tódolos usuarios das edificacións de distintas parcelas que configuren un espacio interior común, constituíndo "patio de mazá" prazas abertas no solo privado, e "patios de parcela" mancomunados.

b) Espacios de uso e goce común para tódolos usuarios das edificacións que o configuren linealmente, a carón de vial, como os determinados por recuados das construccións, sen cerre de parcela, ou mancomunados dentro dun cerre común.

c) Espacios interiores de parcela, libres de edificación unitariamente vencellados á edificación desta, como os patios de parcela que non estean a carón de vial.

d) Espacios privados ou públicos, libres de edificación, a carón de vial unitariamente vencellados á edificación que os delimita.

e) Zonas verdes de protección de viais e de leitos de auga.

Os diferentes usos posibles dos espacios libres abránguense nas seguintes modalidades:

I. Zonas verdes privadas, de xardín, admisibles para calquera das modalidades de espacios libres privados expresadas.

II. Espacios de esparexemento, secundariamente axardinadas ou non, comprendendo áreas de estar, paseos, e outros usos semellantes, en calquera das modalidades expresadas.

III. Superficies para prácticas deportivas a descuberto.

IV. Usos complementarios das actividades autorizadas na edificación da mesma parcela, como mesas para servicio de restaurantes, cafés, bares, etc., ("terrazas"), áreas de recreo, actividades a descuberto, pre-almacenaxe e traballos a descuberto nas parcelas de uso industrial.

6.-TÍTULO X. DO SOLO URBANIZABLE

6.1.-Ordenanza 10. Solo urbanizable de uso industrial

Ámbito de aplicación:

Comprende a zona de solo cualificada como urbanizable para uso industrial na presente modificación puntual número 1 e delimitada no plano correspondente anexo á presente memoria, podendo desenvolverse o Plan parcial abarcando a totalidade do solo urbanizable de uso industrial ou ben varios plans parciais axeitados a cada un ou varios dos sectores en que se divide o solo urbanizable. Neste caso, no correspondente proxecto de urbanización deberá incluírse a realización dos sistemas de subministro de auga e depuración xerais así como os vieiros xerais de acceso.

Condicións para a redacción dos plans parciais industrias:

A) Da edificación

1) Parcela mínima: establécese unha parcela mínima de 500 m2 para industrias individuais ou agrupacións.

2) Agrupacións de parcelas: unha vez establecida a parcelación de acordo ós mínimos sinalados no afastado devanceiro, permítese a agrupación de parcelas para formar unha de maiores dimensións.

3) Edificabilidade: a máxima permitida será de 1 m2/m2 sobre parcela neta. A edificabilidade máxima sobre da totalidade da área delimitada será 0,7 m2/m2.

4) Ocupación en planta: a ocupación en planta das parcelas queda acoutada polas normas de recuados, non podendo exceder en calquera caso do 80% desta. Para a agrupación de parcelas aplicarase a norma á parcela resultante de agrupación.

5) Recuados e abastecemento entre edificacións: os recuados das edificacións ós vieiros serán como mínimo de 8 m, mentres que o recadro ó fondo de parcela e lindeiros laterais establécese un mínimo de 4 m.

B) De uso

a) Uso principal: industrial e almacenaxe.

Uso permitidos:

Vivenda: unicamente autorízanse vivendas para uso exclusivo do persoal de vixilancia e mantemento.

Garaxe: en tódalas formas.

Talleres: en tódalas formas.

Oficinas: permítense as ligadas á actividade industrial.

Almacéns: en tódalas formas.

Comercial: en tódalas formas.

Estacións de servicios: en tódalas formas.

Servicios administrativos, de prevención e hixiene relacionados con equipamentos e dotacións en tódalas formas.

b) Das infraestructuras e servicios.

As redes de infraestructuras necesarias e incluídas no Plan parcial, tanto do sistema viario como de abastecemento de auga, enerxía e saneamento serán a cargo da promoción. Para os efectos previstos na Lei do solo de Galicia terase en conta que para o desenvolvemento do Plan parcial non será preciso a creación de sistemas xerais, posto que este sérvese dos sistemas xerais existentes e os de nova creación servirán exclusivamente para articular o propio funcionamento do dito plan.

Viario

Complementando o disposto nas normas xerais da urbanización do Plan xeral de Vilasantar, os viais previstos para o desenvolvemento do Plan parcial deberán clasificarse nas categorías de vías principais de circulación, vías secundarias e vías terciarias.

Os viais executaranse de xeito que reúnan as condicións propias do seu carácter de tránsito. Deberá resolverse de xeito satisfactorio o enlace da rede interior do polígono coa estrada N-634 Santiago de Compostela-Santander.

Así mesmo, o sistema viario dará fácil acceso a tódalas parcelas que se prevean, cun estudio de tráfico interior e exterior, e dimensionamento de vías e firme da calzada axeitados ó tráfico que teñan que soportar.

En todo caso haberá de estudiarse a solución axeitada para resolve-lo problema de enlace viario do polígono co exterior e a relación entre os distintos sectores.

A rede viaria terá os seguintes anchos mínimos:

Calzadas: en vías principais, 16 m. mínimo.

En vías secundarias, 12 metros mínimo.

En vías terciarias, 8 metros mínimo.

Beirarrúas: 2 metros ancho mínimo en tódolos casos.

As parcelas terán o seu acceso polas vías interiores, non podendo en ningures ter acceso directo dende as estradas ou vías exteriores da área de solo para urbanizar.

Abastecemento de auga.

No Plan parcial deberá quedar resolto o abastecemento de auga para o polígono, xa que non se conta con rede de abastecemento de auga municipal. A existencia de mananciais na zona cualificada como solo urbanizable debe permitir dispor dos recursos hídricos necesarios; para tal fin deberá quedar garantido o subministro no correspondente proxecto de urbanización.

Deberá preverse caudal suficiente para abastecer a tódalas parcelas para os seus usos industriais.

Así mesmo preverase unha dotación suficiente de auga potable para abastecer a tódalas parcelas.

Establecerase a rede ou redes de distribución correspondentes, así como os hidrantes e bocas de rego necesarias.

Saneamento

A resolución do saneamento deberá ter especialmente en conta o disposto na normativa sobre Regulamento de verquidos de augas residuais en canles públicas, cursos de auga protexidos así como as distintas disposicións complementarias e preceptivas e as incorridas nas normas de protección do vixente Plan xeral de Vilasantar.

O sistema empregado será o separativo, con verquido ós leitos existentes no ámbito do plan previa depuración completa na estación depuradora a construír como infraestructura obrigatoria do Plan parcial.

De acordo co establecido no artigo 321 da normativa do Plan xeral de ordenación municipal de Vilasantar, os establecementos industriais que evacúen augas residuais ou productos de composición cualitativa e cuantitativa superiores ós límites establecidos no Regulamento de actividades molestas, deberán establecer os medios correctores consistentes en decantación e depuración previa na propia industria para que ditas augas reúnan as características regulamentarias.

As características das redes de evacuación de augas e saneamento cumprirán as condicións que se establecen no artigo 34 do Plan xeral.

Subministro de enerxía eléctrica e alumeamento público

A dotación mínima de potencia será de 125 W/m2, segundo o disposto no artigo 35 do Plan xeral. Para o cálculo da potencia total demandada teranse en conta os coeficientes de simultaneidade fixados no Regulamento de baixa tensión.

As liñas de distribución serán soterradas.

As vías públicas deberán ter como mínimo o nivel de iluminación establecido no artigo 37 do Pan xeral.

Establecerá a rede de distribución de enerxía eléctrica en alta e baixa tensión para o abastecemento a tódalas parcelas con fluído suficiente para as actividades industriais que se vaian instalar.

Alumeamento público:

Así mesmo preverase a iluminación da rede viaria e demais espacios públicos.

Rede telefónica:

Establecerase a rede telefónica soterrada para dar servicio a tódalas parcelas.

C) Das dotacións.

- Espacios libres de dominio e uso público: xardíns que haberán reuni-las condicións sinaladas no artigo 4 dos anexos do RP e que a súa superficie sexa como mínimo do 10% do Plan parcial.

- Servicios de interese público e social. Dedicaranse a esta clase de servicios un mínimo do 4% da superficie ordenada.

- Aparcamentos: como mínimo crearase unha praza por cada 100 m2 de edificación prevista. Con independencia das dotacións anteriores deberán preverse espacio no interior das parcelas para aparcamento e operacións de carga e descarga. A localización das dotacións realizarase de xeito que poidan agruparse as cesións para permiti-lo seu mellor aproveitamento.

D) Da xestión

O sistema de xestión determinarase no Plan parcial.

Vilasantar, 15 de maio de 2002.

O alcalde, José M. Taboada García.

 

Reg. 5190-PD