Vilasantar Vilasantar Vilasantar

Servizo Municipal

imagen

Medioambiente - Medioambiente



foto
TEMAS



LEI DE MONTES DE GALICIA

MEDIDAS CONTRA A SECA

ACTUACIÓN FRONTE ÁS VAGAS DE CALOR

EVITANDO INCENDIOS

PLÁSTICOS AGRÍCOLAS

VERTIDOS





LEI DE MONTES DE GALICIA

A Lei de Montes de Galicia (7/2012, de 28 de xuño) establece o marco normativo dos montes ou terreos forestais existentes na comunidade e será aplicable a todos eles. Incorpora preceptos que serán obxecto de desenvolvemento regulamentario e modifica normas existentes como a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (3/2007, de 9 de abril) ou as disposicións recollidas en ordenanzas da administración local. O seguinte relatorio recolle os principais aspectos relativos á clasificación dos montes, a súa xestión, explotación e conservación que recolle o texto legal.

Clasificación dos montes segundo a súa propiedade

1. Montes Públicos:

1.1 Montes de dominio público (inembargables, inalienables e imprescritibles):

-Os incluídos no Catálogo de montes de utilidade pública.

-Os montes comunais (pertencentes ás entidades locais e de aproveitamento veciñal común)

-Outros afectados a un servizo público.

1.2 Montes patrimoniais: aqueles de titularidade pública non declarada por lei

2. Montes Privados:

-Montes de particulares

-Montes en man común

-Montes de varas (tamén chamados abertais, de voces ou fabeo. Conservados sen dividir polos seus copropietarios)

Montes Protectores: Son aqueles montes privados ou patrimoniais así declarados en virtude de que polas súas características realicen funcións como protectores do terreo, contra a erosión, desprendementos, lumes, hidrográficos e outros. Serán xestionados seguindo un proxecto de ordenación forestal.

A xestión, conservación e protección do monte

A Xestión

Os montes públicos serán xestionados polo seu titular. A xestión dos montes incluídos no Catálogo de montes de utilidade pública corresponderá á Autoridade Forestal ou en quen determine, seguindo un proxecto de ordenación forestal. Existirá unha Comisión de Montes de Dominio Público Catalogados, con presenza das entidades locais para planificar e seguir a súa xestión.

Os montes privados serán xestionados polos seus propietarios individualmente ou mediante contratación por separado ou conxunta atendendo aos seguintes deberes: control fitosanitario, medidas preventivas respecto a calquera dano, principalmente os lumes, conservación da diversidade, mantemento do solo, eliminación de residuos e lixos depositados, colaboración coa inspección da administración e cumprimento do instrumento de ordenación ou xestión forestal.

ADVERTENCIA: Este texto pretende achegar ás persoas interesadas as principais ideas e nocións recollidas na lei cunha finalidade exclusivamente divulgativa. Sinálanse os aspectos máis importantes da lei e certas excepcionalidades, pero para un tratamento polo miúdo da cuestión remitimos aos interesados ao texto oficial, publicado no Diario Oficial de Galicia 140 de 23 de xullo de 2012 (páxinas 29.234-29.375) ou a organismos competentes.

Os propietarios dos montes privados teñen dereito a xestionar o monte nos termos previstos na lei para o seu aproveitamento, a escoller o seu uso, a protexer a propiedade, a limitar a circulación de vehículos e a elaborar instrumentos de xestión ou ordenación forestal.

Os montes de varas, abertais ou voces que pertenzan a máis de dez persoas poderán constituír unha xestora para administrar os intereses dos propietarios. Os montes veciñais en man común rexeranse pola normativa específica.

Para a adquisición de montes, a Administración terá dereitos de adquisición preferente cando superen as 250 hectáreas ou teñan protección. Tamén teñen preferencia para mercar propiedades lindeiras as comunidades de propietarios en réxime de man común.

Non se poderán realizar segregacións ou divisións do monte onde algunha das parcelas resultante teña unha superficie inferior a 15 hectáreas, salvo que a división se realice para transferir propiedade a unha parcela estremeira.

As concentracións parcelarias forestais rexeranse pola normativa específica, e para obter axudas públicas deberá ser xestionado conxuntamente o terreo mediante unha agrupación con personalidade xurídica (sociedade de fomento forestal ou similar) polo menos o 70% da superficie concentrada, contar cun instrumento para xestionar o arboredo preexistente e dispor dunha superficie mínima de 15 hectáreas. Será obrigada a reorganización da propiedade dun perímetro cando se conte coa conformidade dos propietarios do 70 % do solo.

A conservación e protección do monte

O cambio de uso forestal dun monte requirirá o informe favorable do órgano forestal. Despois dun incendio forestal, non se poderá producir un cambio de uso do terreo en trinta anos salvo que estivese previamente regrado.

Cambio de actividade forestal a agrícola. As superficies cubertas de matogueiras ou acacias poderán pasar a agrícolas coa simple comunicación á Administración forestal cando non superen as 15 hectáreas; se a superan deberán solicitar autorización. Poderase facer o cambio en superficies de ata 5 hectáreas unicamente con comunicación sempre que non inclúa especies como piñeiro, ameneiro, castiñeiro, carballo, bidueiro e similares; ou ben teñan menos de dez anos. Nos restantes caso é preceptiva a autorización.

Cambio de actividade agrícola a forestal. Poderanse adicar á explotación forestal os terreos agrícolas en estado de abandono de ata 5 hectáreas ou estremeiras con terreos forestais que estivesen adscritos a un banco de terras durante dous anos sempre que se destinen a frondosas caducifolias.

Os cambios de actividade contemplan supostos especiais para o monte en man común, Rede Natura, zonas en proceso de concentración parcelaria ou zonas de especial protección agropecuaria, que se deberán contar con autorización ou realizarse segundo indique un plan para o efecto.

As plantacións para froito de castiñeiros, nogueiras, cerdeiras e outras non supoñen un cambio de actividade, sexa en terreo forestal ou agrícola. As faixas cortaventos para a protección do gando de ata dez metros non terán a consideración de plantación e poderanse realizar en terreo de uso agrícola. Para este caso non está permitido o xénero Eucalyptus.

A administración forestal establecerá medidas de obrigatorio cumprimento para restaurar os montes afectados por lumes, pragas ou vendavais. As actuacións poderán ser declaradas de utilidade pública.

Os instrumentos de ordenación do territorio(plans urbanismo, etc.) e as súas modificacións requirirán o informe sectorial da Administración forestal cando afecten a terreos desta natureza, sendo nalgúns casos vinculante.

En calquera terreo forestal ou agrícola prohíbese a sementeira ou plantación de exemplares do xénero Acacia e calquera outro sen aproveitamento comercial relevante.

As novas plantacións do xénero Eucalyptus superiores a cinco hectáreas precisarán autorización da Administración forestal. Non será aplicable para a reforestación da mesma especie ou cando estea planificada nun instrumento de xestión. Non se permite a reforestación con eucaliptos despois do aproveitamento doutras especies (piñeiro, carballo, ameneiro, etc.) ou intercalados con estas.

As repoboacións estarán suxeitas aos supostos no Real Decreto sobre avaliación ambiental de proxectos e no Decreto de avaliación de impacto ambiental de Galicia.

A lei limita a circulación polas pistas forestais que non sexan de uso público ou servidume, así como a circulación de vehículos campo a través, agás en determinados casos xustificados.

As distancias mínimas para as novas repoboacións

Coas salvidades recollidas na lei, están prohibidas as repoboacións en solo urbano, núcleo rural, solo urbanizable delimitado e solo rústico de especial protección agropecuaria.

As repoboacións existentes teñen un prazo de dous anos para adaptarse ás novas distancias, contados desde a entrada en vigor da lei (08/2012). Cando se trate de repoboacións deberán gardar distancias conterreos, construcións, instalacións e infraestruturas segundo indica o seguinte cadro; e mediranse desde o tronco do pé ata o límite coa outra propiedade, salvo os casos que se sinalan. No caso de tendidos, mediranse desde a proxección do condutor máis externo.

Con parcelas forestais ---- 2 metros

Con solo rústico de especial protección agropecuaria ---- 10 metros

-Con labradíos, cultivos, prados ou pasteiros non clasificados como de especial protección agropecuaria ----4 metros con frondosas*, 10 metros outras especies

-Co límite do dominio público de vías ou estradas convencionais ---- 4 metros con frondosas *, 10 metros outras especies

Con pistas forestais principais ---- 2 metros con frondosas*; 4 metros outras especies: (6 m. en concellos de alto risco)

Coa proxección de infraestruturas eléctricas ---- 5 metros todas as especies

Con canles fluviais de máis de 2 metros de largo ---- 5 metros con frondosas*; 15 metros outras especies contados desde o dominio público

-Con solo urbano, núcleo rural e solo urbanizable delimitado ---- 15 metros con frondosas*; 30 metros outras especies

-Con elementos situados a menos de 400 metros do monte fóra do solo urbano e de núcleo rural (para edificacións e vivendas contará desde o paramento e nos parques, depósitos de lixo e industrias desde o límite da instalación) ---- 15 metros con frondosas*; 30 metros outras especies

Con gasolineiras, industrias ou instalacións nas que se desenvolvan actividades perigosas ---- 25 metros con frondosas*; 50 metros outras especies

*Frondosas: Ameneiro, pradairo, bidueiro, freixo, castiñeiro, carballo, sobreira, aciñeira, nogueira, abeleira, faia, umeiro e similares.

O plan forestal de Galicia e o Proxecto de ordenación do monte

Plan forestal de Galicia será o instrumento básico para a elaboración, avaliación e impulso das directrices de deseño e execución da política forestal galega. A partir deste documento elaboraranse para cada distrito forestal ou territorios con características comúns os plans de ordenación dos recursos forestais segundo as instrucións xerais de ordenación de montes que aprobe o Consello da Xunta. Estes plans determinarán para cada zona as características, posibilidades, usos, aspectos, prioridades, planificación, criterios de seguimento e establecemento de referentes de boas prácticas e modelos orientadores para o correcto e eficiente aproveitamento e xestión do monte.

A ordenación do monte pretende a conservación, mellora e protección dos recursos forestais, o seu rendemento sustentable e a obtención de utilidades para contribuír ao desenvolvemento rural, xeración de rendas e fixación de poboación. Todos os montes públicos e os protectores, así como os de particulares, propiedade en man común, agrupacións forestais e montes de varas que superen as 25 hectáreas en couto redondo deberán dotarse dun Proxecto de ordenación que describa o territorio, recolla un inventario forestal de detalle, oriente a silvicultura e faga unha estimación das rendas. Cando os montes non superen as 25 hectáreas bastará a adhesión a un referente de boas prácticas ou a un documento de xestión . Os instrumentos de ordenación serán realizados a instancia do titular do monte e comportará a a súa inclusión n o Rexistro Galego de Montes Ordenados. O incumprimento das directrices previstas nun instrumento de ordenación ou xestión, a sobre explotación ou a non rexeneración do monte pode dar lugar á baixa no rexistro e á apertura dun expediente sancionador. O prazo para cumprir a obriga de contar cun instrumento de xestión fíxase en seis anos. Mentres tanto, é obrigatorio solicitar autorizacións para o corte, presentando un proxecto asinado por un técnico, para superficies superiores a 1 hectárea (piñeiro, frondosas, etc.) ou a 15 hectáreas (no caso de eucaliptos e similares). Naqueles montes que non se doten dun instrumento de xestión no prazo de seis anos non se permitirá o aproveitamento forestal.

O aproveitamento dos recursos forestais

As actividades de xestión forestal previstas nun dos instrumentos de xestión citados anteriormente non precisan autorización para a súa execución, sendo suficiente a súa notificación. Tampouco precisan autorización os aproveitamentos para uso doméstico ou cortas de policía, rareo e tratamento. Nos demais casos, deberase solicitar autorización. No caso dalgunhas especies (p.ex. eucalipto) non protexidas, a non resposta por parte da administración en quince días terá o valor de concesión do permiso. Para outras especies -piñeiro, carballo, bidueiro, etc- a administración ditará resolución nun prazo máximo de 45 días. O prazo para a realización dos traballos é de 12 meses prorrogables. A realización de aproveitamentos madeireiros implicará a extracción ou trituración da biomasa agás nos casos xustificados por dificultades de mecanización.

A gandería no monte é un caso especial de aproveitamento forestal. Para os efectos de saúde animal este aproveitamento terá a consideración de explotación gandeira e identificaranse cun código Rega único. O gando que deambule sen identificación terá a condición de mostrengo e a súa administración correrá a conta do concello. Nos terreos afectados por incendio forestal queda prohibido o pastoreo.

Os propietarios teñen dereito a acoutar as súas propiedades para mellor aproveitamento de pastos, cinexético, cogomelos, castañas, aromáticas, cortizas, resinas, etc. nas condicións que determine a consellería competente en materia de montes.

Co fin de mellorar o sector e a relación dos entes participantes na actividade, créase a Mesa da madeira, que estará formada por organizacións de propietarios, empresas do sector e administración. A consellería competente en montes promoverá a implantación de sistemas de certificación forestal recoñecidos nos mercados internacionais, así como liñas de investigación, educativas e formativas para fomentar o valor do monte e as súas potencialidades económicas, sociais e ambientais.

Recursos xenéticos, pragas e tratamentos fitosanitarios

A administración adoptará medidas para a conservación dos recursos xenéticos forestais e autorizará os materiais de base para a reprodución seleccionados e cualificados. Terá acceso a materiais rexistrados considerados de interese xeral e poderá acceder a eles. Crearase unha rede de parcelas de alto valor xenético nas que se realizará unha silvicultura orientada á conservación. O material xenético empregado nas repoboacións terá como orixe a rexión que se vai repoboar salvo que se obteña autorización para empregar outro xustificadamente superior.

A declaración dunha praga ou enfermidade forestal por parte da Administración implicará a obrigatoriedade do seu tratamento polos titulares ou xestores do monte, tendo o carácter de cuestión de interese público. A Administración poderá ofrecer asesoramento ou formalizar convenios de colaboración, así como recorrer á execución subsidiaria. Os titulares do monte terán a obriga de manter en bo estado fitosanitario o monte, arrincar pés que representen riscos ou comunicar a aparición atípica de organismos nocivos.

O fomento forestal

A administración tomará medidas de fomento para promover o desenvolvemento do monte mediante actuacións, créditos e subvencións primando a sustentabilidade, a certificación forestal, a reordenación, a posta en valor dos montes en man común, ou a produción de madeira segundo as necesidades do mercado. Serán obxecto preferente de axuda os montes inscritos no Catálogo de montes de utilidade pública, os montes protectores, os veciñais en man común, as sociedades de fomento forestal (agrupacións que asocien propietarios para a realizar xestión común), os montes de varas, outras agrupacións de propiedade, os que teñan un instrumento de xestión e os certificados de xestión sustentable. Ademais, a Administración promoverá e fomentará a figura do seguro forestal.

Créase a figura do Contrato temporal de xestión pública, de carácter voluntario, mediante o cal a propiedade pode delegar na administración a xestión eficiente do monte. Poderá ser subscrito por propietarios de montes protectores, comunidades de propietarios mancomunais e de montes de varas que carezan de recursos, propietarios de zonas forestais de alto valor xenético, propietarios de formacións de frondosas de máis de 15 hectáreas ou por agrupacións de propietarios de montes de difíciles condicións de aproveitamento. Cos ingresos obtidos polo aproveitamento compensaranse os investimentos recollidos no contrato realizados pola Administración.

Co fin de obter recursos para realizar investimentos forestais créase o Fondo de Melloras, creado con capital resultante da xestión do monte público e do monte suxeito a contrato temporal de xestión pública, con diferentes porcentaxes segundo a titularidade do monte ou a causa de aproveitamento. Os propietarios de montes mancomunais e os de varas tamén deberán reinvestir como mínimo o 40% dos beneficios obtidos en mellora e protección forestal, salvo que acrediten que en dez anos non son necesarias actuacións que cubran a totalidade do montante.

A lei contempla a creación dun sistema de rexistro forestal, de carácter público, no que se inscribirán os datos pertencentes a diferentes rexistros: Catálogo de montes de utilidade pública, Rexistro de montes en man común, Rexistro de montes ordenados, Rexistro de empresas do sector forestal, etc que serán desenvolvidos mediante regulamento.

Réxime sancionador

A lei recolle unha detallada relación de feitos contrarios ás disposicións recollidas na lei que se declaran constitutivos de infraccións ou delitos, os seus niveis de gravidade e os mecanismos e contías das sancións.





MEDIDAS CONTRA A SECA

Augas de Galicia como organismo de conca con competencia no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, está a desenvolver as tarefas de seguimento e avaliación da situación de seca que se está a vivir, dende o punto de vista da afección á hidroloxía e á garantía de recursos hídricos para a satisfacción das demandas.

Vista a situación e tendo en conta os indicadores de estados recollidos no Avance do Plan de Seca da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, activouse o protocolo de actuación recollido no propio Avance ante situacións de seca, declarouse o estado de Prealerta Hidrolóxica o pasado día 2 de abril de 2012 e convocouse á Oficina Técnica de Seca así como ao Consello Reitor de Augas de Galicia.

A Oficina Técnica da Seca, tras a reunión celebrada o día 10 de abril, dou conta da situación ao Consello Reitor de Augas de Galicia nunha sesión extraordinaria celebrada o día 12 de abril de 2012.

Nesta sesión o Consello Reitor , unha vez avaliada a situación, determinou declarar a Alerta Hidrolóxica e aprobar unha serie de medidas, de forma que a súa adopción con antelación suficiente permita, no caso de que se prolongue a situación actual, previr, reducir e minimizar os efectos da seca.

Por outra banda, tendo en conta as competencias das entidades locais, Augas de Galicia comunica a conveniencia de adoitar pola súa parte as seguintes medidas:

Medidas a aplicar para paliar e diminuír os posibles efectos da seca na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, adoptadas polo Consello Reitor de Augas de Galicia o 12 de abril de 2012

Medidas activadas polo Organismo de Conca.

Medidas cuxa adopción corresponde a outras administracións ou axentes.

Para máis información acceder á páxina de Augas de Galicia.

AUGAS DE GALICIA







ACTUACIÓN FRONTE ÁS VAGAS DE CALOR

A Xunta de Galicia pon en marcha tódolos anos un plan de actuación capaz de facer fronte e tratar de paliar os posibles efectos que as altas temperaturas podan ter sobre a saúde da poboación galega. No seguinte documento establécense as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás vagas, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e define unha sistemática de intervención, segundo os niveis de alerta establecidos. Por outra lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.
comunicación das pre-alertas e alertas ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil das zoas afectadas, a través do CAE-112.

A finalidade desta comunicación é que transmita e informe á cidadanía que participe en eventos, do tipo que sexa, con grande asistencia de persoas, das medidas a adoptar para previr efectos nocivos á saúde. É preciso subliñar que a existencia dunhas actuacións preestablecidas non supón a constatación de que esta ameaza vaia facerse realidade, senón a admisión de que , aínda sendo improbable, esta situación pode darse, como amosa o sucedido en anos anteriores.

Pódese atopar o plan de actuación, e os consellos á poboación, na seguinte páxina web

Enlace á páxina





EVITANDO INCENDIOS

Ante o risco de incendios debido a época de sequía que atravesamos, dende o Concello queremos recordar que debemos tomar tódalas precaucións ó noso alcance para evitar que se produzan incendios forestais e traxedias naturais.

Facemos un pequeno listado de consellos para evitar os incendios forestais.

1.- Non encender lume no campo, nin queimar rastrollos nos pastos, non utilizar barbacoas ou fogatas nas merendas. Na época de alto risco de incendios, dende o 1 de xuño ao 1 de novembro, calquera chispa ou chama, por pequena que sexa, pode dar lugar a un desastre. Recorda: sen lume non hai incendios.

2.- Non tirar ó chan cerillas, colillas, cigarros ou obxectos de combustión, nin tampouco papeles, plásticos, vidrios ou calquera tipo de residuo ou material combustible susceptible de orixinar un foco de incencio.

3.- Comunicar ás autoridades públicas os vertedoiros ou puntos de vertido ilegais que se atopen en terreos forestais ou próximos. Soen ser causa de habitual de aparición de incendios forestais.

4.- Se ves un incendio avisa o antes posible ao 112, teléfono de emerxencia, ou ao 062, teléfono da Garda Civil, para que se comece a actuación adecuada.

5.- As persoas que participan en labores de extinción non deben traballar aisladas, deben estar coordinados e sempre ás ordes das autoridades competentes.
Para poder levar isto a cabo é imprescindible a colaboración cidadá e as actuacións correctas en cada momento.

Moitas gracias pola súa colaboración.

PLÁSTICOS AGRÍCOLAS

Lémbrase a tódolos veciños que o Concello de Vilasantar ten un servizo de recollida de plásticos agrícolas, de forma gratuíta para tódolos agricultores, que deberán chamar ao Concello para depositalos no punto de recollida, nas condicións nas que se viña facendo;

- Os manoxos de plástico serán atados con correas do mesmo plástico.

- Os manoxos non pesarán máis de 30 quilos cada un deles.

¿Qué tipo de residuos SI están incluídos?

- Os plásticos de ensilado.

- Os plásticos de invernadoiro.

- Os plásticos usados para a protección de cultivos.

¿Cales NON están incluídos?

- Calquera tipo de residuo non plástico.

- Residuos de envase fitosanitarios e zoosanitarios.

PROBLEMAS MEDIOAMBIENTALES DERIVADOS DA XERACIÓN DE RESIDUOS PLÁSTICOS AGRÍCOLAS:

1.- Os abandonos de plásticos agrícolas ou a súa queima de forma incontrolada.

2.- Supón un grave problema medioambiental que orixina un deterioro progresivo do entorno, e o impacto paisaxístico que soporta.

3.- A queima incontrolada da lugar a emisións de compostos peligrosos para a atmosfera, nocivos para o medio ambiente e a saúde das persoas.

4.- Estas prácticas inadecuadas supoñen unha falta de aproveitamento dun produto con un valor económico e mercado potencia.

LEMBRE, que para tirar os seus plásticos agrícolas ten que chamar ao Concello de Vilasantar. 981 77 81 69.

VERTIDOS

Ante os abandonos incontrolados de voluminosos nos contenedores de lixo

RECÓRDASE QUE: QUEDA PROHIBIDO O ABANDONO, VERTIDO OU ELIMINACIÓN INCONTROLADA DE RESÍDUOS ESPECIAIS EN TODO O TÉRMINO MUNICIPAL DE VILASANTAR. TALES ACTIVIDADES PODEN SER SANCIONADAS.

Considérense residuos especiais, e polo tanto non se poden depositar nos contenedores, aqueles que son separados do coñecido usualmente como "basura" ordinaria, por requerir sistemas de tratamento distintos os de aquela.

Son os seguintes: residuos de construcción e demolición, pilas e acumuladores, vehículos ou pezas fora de uso (tamén bicis ou motos), neumáticos, animais domésticos mortos, medicamentos caducados, voluminosos (mobles vellos, enseres e electrodomésticos usados), residuos de chatarra, restos de xardinaría, pinturas, aceites, plásticos agrícolas, etc.

PARA TIRALOS TEÑEN QUE CHAMAR AO CONCELLO DE VILASANTAR E ANOTARSE PARA QUE PASEN A RECOLLÉRLLELA. 981 77 81 69
replicas relojes replicas de relojes
Concello de Vilasantar, © 2010 Todos os dereitos reservados | Aviso Legal | LOPD tfn 981 778 169 fax 981 778 166 mail correo@vilasantar.com