Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos deste concello
son as mámoas, tamén chamadas 'medorras' ou 'medoñas',
coma a do monte Vilariño, a mámoa de Pedriño
ou a medorra de Fanegas, todas elas na parroquia de Santa María
de Vilariño. Estas mámoas eran monumentos funerarios
onde se enterraba a xente máis destacada do clan, e teñen
unha antigüidade duns 4.000 anos. Os castros, como o de
Vilariño e o das Corredoiras, son un bo expoñente
da cultura castrexa que se desenvolveu en Galicia hai aproximadamente
uns 2000 anos, e que constata que xa nos albores da romanización
esta zona posuía unha cultura propia.
Toda a zona debeu de estar densamente poboada desde antes do comezo da historia, como demóstrao a gran cantidade de monumentos megaliticos, mámoas e castros que foron estudados, aínda que carecen de espectacularidade como tales monumentos e só son interesantes para os expertos.
O acampamento romano da Cidadela, o máis extenso ca se
descubriu en Galicia, está entre os municipios de Sobrado
e Vilasantar.
A historia de Vilasantar preséntase unha importante ligazón
coa do veciño concelllo de Sobrado, xa que as terras
que hoxe conforman estes municipios, formaban parte do condado
de Présaras, nome dunha das parroquias do actual municipio.
O condado de Présaras ten a súa orixe nas «praessurae»
romanas, terras desertas que eran ofrecidas a colonos para que
as cultivasen e poboasen. Aínda que nun principio tiñan
o privilexio de non depender máis que do rei, foron transformándose
en «comisio», dando orixe aos condados.
As numerosas casas señoriais no concello
son testemuña da riqueza destas terras.
Estas casas vivían principalmente das rendas que os campesiños
que vivían á súa beira tiñan que
pagar á hidalguía que habitaba nelas. Mentres,
os campesiños de Vilasantar na Idade Moderna vivían
fundamentalmente do cultivo do millo, patacas, nabos,etc, completando
esta economía con algún animal doméstico,
sobre todo vacas ou porcos. Non difería moito o seu xeito
de vida do resto da Galicia interior, e da que na actualidade
pervive nalgunhas zonas rurais.
Por outra banda, a historia deste municipio está estreitamente vinculada á do mosteiro de Santa María de Mezonzo que xa existía antes do século VIII, pois na súa igrexa consérvanse dous capiteles do século VI ou VII e aparece en documentos latinos como mosteiro de Mosontio. A mediados do século X ingresou aquí como monxe San Pedro de Mezonzo, posteriormente foi abade do convento, bispo compostelán e a el se atribúelle a autoria de sálvea. A igrexa do antigo mosteiro constitúe un dos monumentos máis importantes da comarca.
Na historia máis recente hai que decir que non figura como concello ata o ano 1834, data na que se configura cos límites actuais. Tivo unha época de crecemento durante a primeira metade do século, pero a partir de 1950 co incremento da saída de emigrantes sufriu un descenso demográfico como ocorreu en moitos outros concellos de Galicia.
